Sinopse
Cal é a situación real das contas públicas da Xunta de Galicia despois de vinte e cinco anos de Autonomía? Son opacas ou claras, como e por que mellorar? Tendo en conta o novo contexto da Europa ampliada e o da reforma autonómica no Estado, que sistema de financiamento lle convén a Galicia? Como defender con rigor e fundamento os nosos intereses e as nosas necesidades?
Xaquín Álvarez Corbacho, doutor en Ciencias Económicas e conselleiro do Consello de Contas de Galicia, e Albino Prada Blanco, doutor en Economía, coordinan un grupo de especialistas formado por Alberto Gago Rodríguez, catedrático de Facenda Pública da Universidade de Vigo, Xavier Labandeira Villot e Santiago Lago Peñas, membros do departamento de Economía Aplicada da Universidade de Vigo, e Manuel Lago Peñas, que foi responsable do gabinete técnico de CCOO de Galicia.
Os autores de Chaves da economía pública galega centran a súa atención nos aspectos fundamentais da utilización dos recursos públicos. O lector atopará neste libro propostas, obxectivos e medidas para a Galicia do século XXI. Unha reflexión rigorosa e profunda sobre as prioridades que debe ter en conta a administración galega en función dos intereses e das necesidades do país en sanidade, investigación, infraestruturas e desenvolvemento.