O Dicionario de sinónimos do galego, de Xosé María Gómez Clemente, Xavier Gómez Guinovart e Alberto Simôes é unha novidade do ámbito dos dicionarios de Xerais que se publica exclusivamente en ebook, preparado para todos os formatos dixitais.
Trátase do primeiro dicionario de sinónimos do galego que se edita en formato epub e está elaborado por tres profesores especialistas da Universidade de Vigo, logo dun traballo exhaustivo levado a cabo ao longo dos anos. O dicionario consta de 27.000 entradas e resulta especialmente versátil para o seu uso en tabletas, smartphones e ordenadores. Este libro é, sen dúbida, unha ferramenta imprescindible para o profesorado, para estudantes e para calquera profesional que valore a calidade da comunicación e da lingua a empregar .