“Dorna arelante no neboeiro váisenos entregando coma unha canción con grolos de natureza doces e refrescantes, berros de denuncia adozados de recendos do Eume, pequenas historias dos antigos celtas, raios de sol perfumados en belidas flores e soños fermosos convertidos en ilusións. No libro resoan ecos da nosa lírica popular e un son rítmico procedente, tal vez, do mar do Orzán. Asemade nestes versos latexan, como dicía o poeta vasco Nikolas Zimarro: “unha busca da vida intelixente e clara, a vida que concreta a imposibilidade do non posíbel equilibrio entre a bondade e a simulación, a vida que se reflexa por medio da dialéctica quimérica entre o consciente e o inconsciente, a vida que aparece, un pouco, como a crónica da procura da verdade que se incrusta nun universo caótico de sentimentos”.
Nada máis. Que o lector abra o seu corazón, limpo e puro, e reciba estes poemas coma unha luzada infinda. Pechu Naveiras, novo bardo cascarilleiro do Eume, xa ficas para sempre na nosa memoria colectiva. Pechu Naveiras, poeta alén”. ALBERTE SURAS