O álbum Esquizoide (1978) representa unha proposta límite dentro do eido do cómic. Unha aposta experimental que xoga coa sintaxe do medio para o levar a unha dimensión de forte intensidade vangardista. Pasaron máis de catro décadas mais o proxecto segue emitindo a súa inquietante mensaxe. Segue a ser unha proposta radical, figura mesmo nun certo xeito inasimilábel. Esta peculiar novela gráfica reflicte un desacougo que coido nace do contexto convulso daquela. Mantén aínda vivo o ecoar da loita contra a ditadura. A necesidade de berrar fronte a unha situación de inxustiza e cos atrancos para atopar unha verdadeira liberdade de expresión. Esa necesidade de expresión liberada das coercións do contexto estoura nun devalo heteróclito.