Galeg@s sen fronteiras presenta unha serie de conversas con algunhas das figuras máis relevantes da efervescencia cultural galega contemporánea. Escritores, músicos, cineastas..., artesáns da palabra, da música e da imaxe, que examinan a profunda transformación cultural acontecida en Galicia nos últimos anos e a construción posible dunha nova Galicia cara ao século XXI. O conxunto destas conversas constitúe un achegamento ao estado da cultura da Galicia actual, unha exploración sobre o seu pasado recente e unha interrogación sobre o futuro posible, contra as fronteiras e as marxes.
Os diálogos distendidos e próximos que José Colmeiro mantén con Uxía Senlle, Miguelanxo Prado, Bieito Romero, Manuel Rivas, Antón Reixa, Xavier Villaverde, Mercedes Peón, Xurxo Lobato, Teresa Moure, Antón Lopo e Suso de Toro ofrécennos un interesante panorama dos diversos sectores da cultura galega das últimas épocas.