A casa outeirense, a tribo chairega e a nación galega representan a triple razón de vida en que Manuel María afinca o seu universo biográfico e literario.
Neste libro, Mercedes Queixas segue o roteiro vital do poeta entrefebrando vida e obra, feitos e ideas, letras e sentires. Cun relato directo, sintético e ao tempo rigoroso, a autora achéganos ao itinerario vital de Manuel María. Itinerario que, coma un río sempre fértil e vizoso, nace coas raíces na Terra Chá, medra na prolongada formación académica e autodidacta de carácter enciclopédico e multiplica o seu curso nunha escrita extensa e de temática ricaz. O idioma, a fala, o oficio de poeta e a tradición literaria marcan a vida de quen se entregou na defensa da súa xente e da súa cultura. A poesía é o sinal dese compromiso, a biografía é o testemuño que corrobora o anceio constante de liberdade.