Compostela, territorio de mulleres, abre nesta segunda entrega, novos camiños: mulleres que fixeron roteiros, comadres de vidas. Por iso, elas tamén contaron. Traballaron, viviron, iluminaron a súa contorna, coidaron, amaron e fixeron andainas de sosego e de loitas. Camiños nos que teceron redes, construíron amizades, con tenrura e rabia, con carraxe e amores para crear novos territorios de dereitos, de cultura, de ciencia, de riqueza. Por esas andainas que elas abriron circulan hoxe miles e miles de mulleres novas, de rapazas que pisan terreos xa consolidados e, no testemuño que deixaron, mírase a cantar no bico e a estrela no peito.