Cando Inés lle prometeu á nai ler os seus cadernos e escribir o libro da súa vida non podía imaxinar o alcance dese legado. Ao abrir o primeiro manuscrito, a memoria devolveulle a imaxe de Carmiña, trinta anos máis nova, escribindo sen parar sobre a mesa da cociña.
Inés sabía que se lle presentaba unha oportunidade irrepetible e fixou a ollada na caligrafía coñecida, coma se así puidese revivir a nai xa ausente para sempre. E o texto prendeuna a un pasado e unha vida absolutamente descoñecidos para ela:
«Este é o relato dunha orfa á que lle tocou loitar pola supervivencia, un pequeno gran drama que aconteceu nos tempos duros dunha España acabada de saír dunha guerra civil.
Naquel tempo moitas familias perderon todo o que tiñan, algúns incluso a vida, mentres outras facían moitos cartos. Para medraren, algúns deses novos ricos sen escrúpulos nin cultura non dubidaron en aproveitarse de persoas inocentes e desvalidas coma min.»