Sinopse Sir Walter Elliot, aristócrata vido a menos, controla o destino da súa familia con man de ferro. Anne, a filla mediana, ve murchar a súa mocidade sen perspectivas matrimoniais. Nunha visita á súa irmá, Anne reencóntrase con Frederick Wentworth, un oficial da mariña que pedira a súa man anos atrás. Daquela a falta de recursos de Wentworth abondara para que a familia persuadise a Anne para non aceptar a súa petición. Porén, o retorno de Wentworth cunha nova posición social e económica trala guerra fai descubrir a Anne que, no fondo, aínda está namorada del. Semellante en temas ás obras de Austen publicadas en vida, Persuasión destaca sobre elas por dar voz a un personaxe nunca antes presente na literatura: a muller cuxa idade de casar xa pasou. Esta muller, Anne, non só toma a decisión de non cumprir coas imposicións familiares, senón tamén a de pensarse a si mesma como persoa independente da súa familia.