É un libro-DVD con dúas realidades e un único obxectivo. A primeira realidade está na pantalla, da man do interesante documental de Gonzalo Veloso; onde a familia, os amigos, os compañeiros de profesión e as investigadoras miran baixo o chapeu negro para relatar quen era en realidade Roberto Vidal Bolaño, amosando unha singular visión que, sen dúbida, axudará a comprender mellor a súa obra. A segunda realidade está no libro, no texto escrito por Montse Pena Presas, que tenta desvelar que hai detrás do nariz de pallaso, achegando dun xeito lúdico e rigoroso as caractarísticas principais da produción do dramaturgo, sen esquecer o director de escena. Imaxe e palabra fúndense para conseguir que calquera lectora, calquer espectador, remate o DVD e peche o volume pensando, unicamente, en mergullarse nas pezas dramáticas de Roberto Vidal Bolaño. Dende o patio de butacas ou a través dun libro. Porque o teatro achega, tamén, esas dúas máxicas posibilidades.