Merino, Samuel

Samuel Merino (aka pompa e boato) —Mos (Pontevedra) 1982— é un creador que, na actualidade, desenvolve o seu labor arredor dunha poética na que se aprecia a pegada indeleble da súa formación en filosofía. Cada texto seu semella unha ferida que cicatriza colectivamente no momento en que é levada pola súa voz ao encontro co público. Sempre ten présa, é inseparable do seu can e é doado velos pasear xuntos polo Porriño. É posible que os trens que atravesan a vila polo paso a nivel que está ao carón da súa casa transporten o carácter autorreferencial da súa obra onde queira que vaian. Ata o de agora ten publicados dous poemarios en castelán: Enésima patada con amor (2019) e Trementina (2021) e un en lingua galega: Guantanamera. Poema nun só acto (2021).